Logotipo da Consellería do Medio Rural e do Mar
Logotipo de AGADER
Inicio - ¿Como utilizar o SITEGAL?
Benvido ao SITEGAL
  Ligazóns relacionadas:

¿Como utilizar SITEGAL?

Se vostede posúe terras e está interesado en incorporar as súas parcelas ao Banco de Terras de Galicia, ou se vostede precisa terras para levar a cabo o seu proxecto, pode consultar a través do SITEGAL os trámites que hai que levar a cabo en cada un dos casos, e mesmo pode realizar parte deles a través de Internet.

A continuación resúmese brevemente como ofrecer unha parcela ao Banco e como solicitar unha parcela das que están xa dispoñibles.

¿É vostede unha persoa que ten terras e non lles dá aproveitamento / non as está a traballar? 

Cómpre recordar que calquera persoa propietaria pode incorporar libre e gratuitamente as súas parcelas ao Banco de Terras para que este as ceda en arrendamento.

Para ofrecer unha parcela ao Banco primeiramente terá que facer unha solicitude de incorporación. Esta solicitude pódea realizar a través desta web, na sección Ofrecer parcelas. Na solicitude terá que identificar a parcela, xa sexa no mapa ou ben coa identificación numérica do SIXPAC (provincia, concello, nº de zona, nº de polígono e nº de parcela), establecer o prezo ao que quere que se arrende a finca (no caso de ser diferente do prezo de referencia garantido polo Banco de Terras) e aportar uns datos mínimos de contacto. No proceso de solicitude vostede poderá coñecer cal é o prezo de referencia que o Banco lle garante.

Unha vez remate de introducir a solicitude de incorporación poderá descargar un borrador desta, pero deberá acudir ás oficinas centrais do Banco de Terras en Santiago ou dirixirse a calquera Oficina Agraria Comarcal para rexistrar a súa solicitude diante dun xestor. Este trámite pode ser realizado por un representante debidamente autorizado.

Unha vez rexistrada a solicitude de incorporación, o Banco de Terras porase en contacto con vostede para indicaralle os pasos a seguir para rematar o proceso de incorporación.

¿Necesita vostede terras para desenvolver o seu proxecto? 

SITEGAL, a través desta páxina web, mantén unha lista actualizada de todas as parcelas dispoñibles no Banco de Terras de Galicia que vostede poderá consultar dende calquera ordenador conectado a Internet. Para iso, vaia a sección Ver parcelas incorporadas. Ademais, poderá buscar nesa lista as parcelas que máis lle poidan interesar entre todas as dispoñibles, para o que terá que ir á sección Buscar parcelas premendo no botón que se atopa na parte inferior da lista de parcelas. Alí poderá buscar, por exemplo, as parcelas dispoñibles no seu concello.

O primeiro que terá que facer se quere arrendar unha parcela é unha solicitude de arrendamento. Esta solicitude pódea facer directamente a través desta páxina web. Para iso, unha vez que vostede identifique unha parcela que lle interese ten que premer sobre ela. Na nova páxina poderá ver máis detalles sobre a parcela e debaixo do mapa no que se representa a parcela atópase a opción "Solicitar arrendamento". Cubrindo a información que alí se lle pedirá (por exemplo, o tempo que desexa arrendar a parcela, o uso que lle vai a dar ou o prezo disposto a pagar) e seguindo os pasos que se lle indicarán, introducirase a solicitude no sistema. Lembre tamén indicar na solicitude os méritos que cumpre, xa que estes serán tidos en conta no caso de existencia de máis dunha solicitude de arrendamento sobre a mesma parcela. Nesta ligazón pode consultar os criterios de desempate.

Cando vostede remate de introducir a solicitude de arrendamento, poderá descargar un borrador da mesma, pero deberá acudir ás oficinas centrais do Banco de Terras en Santiago ou dirixirse a calquera Oficina Agraria Comarcal para rexistrar a súa solicitude diante dun xestor.

Unha vez rexistrada a solicitude de arrendamento, o Banco de Terras porase en contacto con vostede, comunicándolle se foi aceptada ou non, e indicaralle o procedemento a seguir para formalizar o arrendamento.

As solicitudes soamente poderán ser feitas en determinados momentos do ano:

  • A incorporación de parcelas polos seus propietarios/as así como os arrendamentos pactados pódense tramitar ao longo de todo o ano.
  • Neste momento non está aberto o período para solicitar o arrendamento de parcelas incorporadas ao Banco de Terras.

Ademais, se non atopa ningunha parcela do seu interese, pode indicarnos onde lle gustaría arrendalas e o Banco intentarase poñerse en contacto con vostede cando se atope algunha finca coas características que lle interesen.