ProMoVaTe - Indicadores da Mobilidade de Terras

Nesta sección atopará información sobre os mercados e a mobilidade de terras en Galicia.

Nos últimos lustros houbo en Galicia unha perda importante da superficie agraria útil; tan só no período de 1985 a 2005 [1] desapareceron 145.000 ha de prados e labradíos. O progresivo despoboamento de moitas zonas do rural e a desaparición de explotacións agrarias fai pensar que esta situación poida continuar se as terras que van quedando libres non pasan a ser traballadas por novos agricultores/as ou gandeiros/as. Un dos motivos é que a propiedade continúa a estar moi fragmentada e, aínda que entre 1990 e 2010, o número de parcelas rústicas se reduciu nun 30% ,o número de persoas propietarias aumentou nun 42% [2].

Dise que o sector agrario galego está condicionado por unha baixa mobilidade de terras, e que os mercados de terras, sexan por compravenda ou por arrendamento, non están funcionando todo o ben que deberan para manter a terra en produción. Non obstante, sendo unha problemática fundamental para o futuro do rural galego e estando en numerosas reflexións a nivel político, técnico ou social, o certo é que pouco se sabe sobre a mobilidade real das terras agrarias, o funcionamento dos mercados, das relacións entre a propiedade e a xestión de terras, nin das diferenzas entre unhas zonas e outras. Isto, a pesar de terse asumido que a xestión sostible das superficies rústicas en Galicia esixe fórmulas flexibles para conciliar a propiedade e a xestión da terra.

Para cubrir esas carencias levouse a cabo o proxecto "Propiedade, mobilidade de terras e valorización territorial", froito dun convenio de colaboración entre a Fundación Juana de Vega, o Banco de Terras de Galicia e o Laboratorio do Territorio da Universidade de Santiago de Compostela. O traballo tivo como fin último mellorar o coñecemento das dinámicas da mobilidade e dos mercados de terras rústicas en Galicia e encádrase nos esforzos do Banco de Terras de Galicia para mellorar a transparencia e a mobilidade de terras que conduzan a frear o abandono.

Os resultados do proxecto dannos unha imaxe completa das taxas de transferencia anual e dos prezos nos mercados de terras rústicas en Galicia, así como da diversidade xeográfica desas dúas variables. Tamén reflexiona sobre os porqués das diferenzas duns lugares a outros e dos obstáculos á mobilidade; e finalmente, explóranse as oportunidades para xerar e manter actualizada esta información de gran valor, en moitos dos casos posible a través da mellora da colaboración e coordinación institucional. Como exemplo amosamos o valor de dous indicadores obtidos no proxecto. A taxa de transferencia media anual sitúase para Galicia arredor do 0,10%/ano, aproximadamente 10 veces inferior á de países próximos como Francia ou Italia. O prezo da terra rústica de uso agrícola sitúase arredor de 1,5 €/m2, un valor lixeiramente superior á media española e comparable no entorno europeo ao de Dinamarca ou o Reino Unido.

Pode descargar aquí o informe final do proxecto no que se inclúe a metodoloxía seguida no proxecto, as fontes consultadas e información utilizada, diversos mapas e indicadores así como unhas conclusións e recomendacións finais. Polo de agora, os indicadores dispoñibles son a taxa de transferencia anual (porcentaxe que representa a superficie total das parcelas rústicas obxecto de transacción nun ano determinado sobre a superficie total do concello ou parroquia correspondente e expresado en %/ano) e o prezo mediano da terra rústica (expresado en euros/m2).

[1] Urbanización, forestación y abandono. Cambios recientes en el paisaje de Galicia;  Corbelle Rico, E., Crecente Maseda, R.; 2014; Revista Galega de Economía; vol 23(1); pp. 35-52.
[2] Estadísticas catastrales.  Portal de la Dirección General del Catastro

Descargas